Galego  Español

COMITÉ CIENTÍFICO

PRESIDENTA

JULIA BÓVEDA FONTAN

Chámome Julia Bóveda. Son galega de nacemento e sentimento. Médica de Familia de profesión e tamén de sentimento, desenvolvendo a miña labor profesional en Vigo dende fai moitos anos.

Interésanme moitas cousas na vida ademais da medicina: o piano, o monte, o mar, viaxar...e apaixónanme algunhas outras, entre elas o Grupo Comunicación e Saúde.

Desde a miña incorporación, alá polo ano 90 do século pasado, non puiden nin quixen despegarme deste Grupo por todo o que me aporta en beneficio propio e o dos meus pacientes. Atopeime nel con moitas persoas que me contaxiaron a súa ilusión polo traballo e as ganas de mellorar día a día. Axudáronme a medrar persoal e profesionalmente, desenvolvendo aspectos como o docente e o investigador, o que me permitiu realizar a tesis doutoral sobre o apaixoante tema da entrevista motivacional e favoreceu, sen dúbida, a miña labor coma tutora de residentes.

Nesta ocasión correspóndeme presidir o comité científico do Congreso CyS en Santiago de Compostela. Direivos que tódolos compañeiros que participamos en ambos comités abordamos a tarefa de organizar este XXIX congreso con moita ilusión e coa certeza de que, coa vosa participación, conseguiremos pasar uns días que esperamos sexan inesquecibles, compartindo, aprendendo e desfrutando.

VOCAIS

HELENA ALONSO VALENCIA

Ola. Son Helena Alonso, residente de Medicina de Familia en Vigo.

Viaxeira afeccionada e “escritora” en ratos libres, creo na comunicación como pasaporte e vehículo cara a unha mellor medicina e calidade de vida: a palabra como primeira opción terapéutica. A miña participación no Grupo de Comunicación y Salud é ata agora dun escaso percorrido, pero despois do congreso en Córdoba non quedaban dúbidas. Vémonos en Santiago, ao final do Camiño!


ANA CARVAJAL DE LA TORRE

Son Médico de Familia nun Centro de Saúde da Coruña. Formo parte do Grupo de Comunicación e Saúde dende hai case 20 anos, e teño feito tantas cousas cos meus colegas que xa non me lembro. No ensino, teño formado parella docente con moitos compañeiros en numerosos cursos. Tamén teño participado na organización dos congresos do 2002 en Marrakech e do 2003 en A Toxa;  nos últimos anos fun a representante internacional do grupo. Os meus intereses en comunicación son moi variados: dende a entrevista motivacional ata a toma de decisións compartidas, o feedback docente... En xeral, estou interesada en tódolos enfoques que nos permitan axudar a pacientes e profesionais a resolver mellor as consultas, e aos estudantes e docentes a aprender e mellorar xuntos a comunicación clínica.


LEA CONDE GUEDE

Chámome Lea Conde Guede, Médica de Familia convencida, ao inicio do meu camiño profesional. Ourensá de corazón e viaxeira de espírito. Amante dos domingos en familia e das tardes cos amigos, sémpre con música de fondo.

Entrei neste grupo case por casualidade e continúo nel desde entón, coa ilusión de seguir aprendendo e a motivación de mellorar a atención que ofrezo aos meus pacientes. Por iso é un orgullo poder participar no congreso deste ano na marabillosa Compostela, que me brindará a oportunidade de continuar o camiño xunto convosco.


PILAR GAYOSO DIZ

Son muller, galega, médica de familia, investigadora, curiosa, entusiasta. Valoro moito a boa conversa, os silencios compartidos, a mirada que destella comprensión, a lectura, a música, as camiñadas por calquera recuncho da natureza. Non sabería escoller entre mar e montaña, pero unha sesta baixo un castaño centenario da Ribeira Sacra está nos primeiros lugares. Considero un privilexio os amigos que me queren a pesar de coñecer as teas de araña das miñas esquinas e, a pesar dos anos, sigo crendo que vale a pena subirse ao barco e remar con eles cara ao horizonte.


ANXO LÓPEZ TRIGUERO

Chámome Ángel López Triguero, aínda que levo tantos anos en Galicia que moitos me chaman Anxo.
Traballo como enfermeiro no Hospital do Salnés. Levo varios anos vinculado aos coidados paliativos e á hospitalización a domicilio. O mellor do meu traballo, ademais de conducir entre viñedos a orillas da ría de Arousa, é sentir que facilito un chisquiño o camiño de persoas que se atopan na fase final da súa biografía. Ademais me interesa a bioética e a comunicación. Por iso en 2017 entrei a formar parte do grupo galego de Comunicación e Saúde.
Como bo leonés sinto morriña das miñas montañas nevadas e do tapeo por el Húmedo. Non obstante estou encantado nesta terra que me acolleu hai case 17 anos. O que máis me gusta? Pasear pola praia ou polo monte co meu compañeiro e amigo, e coa nosa cadeliña.


REMEDIOS MARTIN ALVAREZ

Madrileña que vive en Catalunya, e namorada da luz do Mediterráneo.

Médica de familia ante todo.

A miña actividade é asistencial, pero sempre gardo un tempo para a investigación, pola que non deixo de sentirme atraída.

Dende fai tempo vinculeime ao GPCYS, e nos 7 últimos anos puiden desfrutar do grupo formando tándem con Luis Pérula na sección de investigación. Actualmente son a responsable de investigación da sociedade Española de medicina Familiar e Comunitaria, semFYC.

A miña aportación ao grupo é a través da RICYS, (red de investigación en Comunicación e Saúde), na que entre todos os interesados na investigación colaboramos co noso granciño de area para que a investigación poida ir da man da comunicación.


OLALLA QUINTAIROS VELOSO

Son Olalla Quintairos, médica de familia; rematei fai menos dun ano a especialidade de Medicina de Familia e Comunitaria. Son de Ourense, galega, co que esto implica, amante da miña terra e defensora da morriña que tanto nos caracteriza, encántame a medicina e todo aquelo que teña que ver coas persoas.

O mundo da comunicación atrapoume a través do meu titor, que me iniciou nos diferentes xeitos de levala a cabo no día a día da consulta, aprendendo o necesario e importante que é para o desenvolvemento do noso traballo. Durante a miña residencia acudín cada ano aos congresos nacionais, e sempre volvín cargada de motivación e novas experiencias coas que poder construirme pouco a pouco. Coa axuda do Grupo Galego puiden mellorar aspectos da miña formación e aumentar o vínculo con esa parte da medicina tan enriquecedora.

Este ano déuseme a oportunidade de formar parte de este congreso celebrado na nosa querida Santiago de Compostela, polo que con todo o meu agradecemento espero disfrutar ó máximo da experiencia, e que elo me permita crecer tanto profesional coma persoalmente.